Sunday 05 de May de 2024

O IV Ciclo Victoriano García Martí reivindica o legado deste ilustre veciño da Pobra


García Martí convértese en protagonista do calendario cultural da Pobra neste mes de decembro coa cuarta edición do ciclo dedicado á súa persoa para seguir afondando así na traxectoria vital e profesional deste fillo predilecto da localidade e darlle o lugar que merece no panorama cultural galego. Deste xeito, a Concellaría da Cultura engrosa as actividades en homenaxe ao escritor e xornalista, xa que, no verán, tamén se efectuou un itinerario teatralizado por espazos vinculados a este ilustre veciño, en colaboración coa Asociación de Periodistas de Santiago (APSC/FAPE), no marco dos actos promovidos pola entidade xornalística.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), afirma que a Administración local ratifica o seu compromiso de divulga-la figura e obra de persoeiros que forman parte do patrimonio cultural e estreitamente vinculados á vila. Por iso, outubro dedícase a Valle-Inclán e decembro a García Martí, dous intelectuais cuxa unión vai máis alá de contar cunha programación propia: existía unha amizade entre ambos, unha relación que transcende, pois o Museo Valle-Inclán pobrense custodia o fondo documental, bibliográfico e fotográfico de Victoriano, depositado pola familia Bermejo Rubio. A edil apunta tamén que “tiña unha mente europeísta, cosmopolita, progresista, feminista”, ademais de ser un “gran defensor e difusor da cultura galega e da liberdade de prensa.”

Foron moitas as achegas de García Martí ao ámbito da cultura dende diversas vertentes, cuestión á cal se refire o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), ao describilo como “un home polifacético”: secretario do Ateneo de Madrid, editor das Obras completas de Rosalía de Castro, promotor do primeiro congreso de prensa de Galicia, discípulo do filósofo francés Henri Bergson e autor dunha fecunda produción literaria e xornalística.

A cuarta edición desenvolverase na primeira fin de semana do vindeiro mes. A conferencia O cabaleiro da Pobra e unha reveladora novela, a cargo de Esperanza Mariño Davila, marcará o inicio do ciclo no día 2, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

Na xornada seguinte, día 3, concentrarase o groso das propostas: Trécola levará a música tradicional a espazos céntricos da vila, das 18.30 horas en diante, para lle dar paso, ás 19.00 horas, á ofrenda floral ante o busto do intelectual, na propia praza García Martí, e desprazarse novamente ata o Auditorio para asistir á presentación da edición facsimilar El emigrante (1931), da man de Xesús Laíño Briones-Arén, ás 19.30 horas.